O Antela perdeu en Ponteareas (1-0, diante do Cultural Areas) e golearon o Lemos e o Arnoia na casa, co que a loita polo play-off será pechada nas dúas últimas xornadas. O Lemos (57) supera agora nun punto aos limianos (56) e o Arnoia está un abaixo (55).
A derrota na Lomba chegou nunha xogada tras perda no medio campo visitante que permitiu o ataque combinativo dos locais co gol de Blanco a porta baleira (minuto 21). Antes, as mellores opcións foran do Antela, con disparos de Xabi Lamas, Pedro e Carlos, inda que o Cultural tamén mandou un balón ao pau dereito de Bruno Pío. Malia a desvantaxe, o Antela buscou con decisión o empate, mentres o Cultural continuou ameazando á contra.
Na segunda parte o dominio e as ocasións foron visitantes, grazas a unha presión máis alta e tomando máis riscos en defensa. Pedro, dese a esquerda, e Charli, desde a dereita, percutiron con constancia e levaron o perigo á área local. Brais Outeiriño e Jorge entraron no minuto 70 por Carlos e Hernández para manter a intensidade no ataque, mais non alcanzou para sumar un punto.
Como na Arnoia hai un mes, o Antela xogou para obter premio, mais a moeda caeu do lado local. A derrota de hoxe esixe un esforzo extra nos dous próximos partidos.
Os de Bruno Gómez seguen a depender de si propios. A próxima semana reciben ao Umia, último e xa descendido, mentres o Lemos visita ao Tyde (descendido hoxe) e o Arnoia xoga na casa do líder, que será campión se non perde.
Imaxe: Pucho, durante o xogo na Lama, en Ponteareas. @Pablo L. Gil.
Ficha técnica: aquí. | Clasificación: aquí.
A BASE
Carrasco, antes do descanso, e Joni mediada a segunda parte, anotaron os goles do Antela B na vitoria diante do Peroxa (2-0) nun partido que fixo xustiza a dous dos xogadores -os goleadores- que máis traballaron para evitar o descenso do filial, que finalmente se produciu. O Antela B xogará a fin de semana que vén en Loñoá e despedirase de Primeira a seguinte en casa diante do Maside. Nesta xornada, o Verín proclamouse campión do Grupo IV e é novo equipo de Preferente, e o Córgomo e o Sporting Carballiño confirmáronse como os equipos que pelexarán no play-off de ascenso.
Parabéns ao Verín C.F., e moita sorte a valdeorreses e carballiñeses.