A vertixe do nunca vivido

A Moreira vivirá en apenas unhas horas una xornada histórica. A afección está convidada a unha festa que arrancou xa pola semana: a celebración da mellor tempada de sempre do Antela en Preferente, á que pode poñer o ramo cun récord de imabtibilidade na casa como local durante unha Liga completa e, de sobremesa, a desexada clasificación para os play-off se se dan os resultados.

Os lobos preparáronse a conciencia durante estes días. Volve Negrete, mais Carlos González caeu lesionado. Bruno Gómez elixirá entre Couto e Constela para o centro da zaga, e Mauro e Xabi Lamas para suplir a baixa de González. Na fronte de ataque estarán os outros goleadores do ano: Negrete (9), Charly (8) e Pedro (7). Non se esperan máis novidades.

Enfronte, o Umia, xa descendido, acusa as baixas por sanción de dous defensas titulares. Non se xogan nada os pontevedreses, que non gañaron un partido fóra nesta Liga e encaixaron catro goles por cada un que anotaron.

Mais non se fía o Antela de rival ningún despois do acontecido diante do Moaña nin presupón que as gañas de play-off vaian a xogar a favor de obra. Mentres, o Lemos podería asegurar unha praza na loita polo ascenso se gaña en Tui; e o Arnoia precisa puntuar na visita ao líder -que hoxe pode saír campión- se non quere verse descolgado.

A Moreira devece por estirar este maio de sol e chuvieira. Sábese escenario grande, preparado para partidos nunca vividos: a vertixe do nunca visto.

1 comentario en “A vertixe do nunca vivido”

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario