Na mellor tempada da súa historia o Antela chega á última xornada de Liga dependendo de si propio para alcanzar unha praza nos play-off de ascenso a Terceira REF, a quinta categoría, o teito. Onte, os de Bruno Gómez gañaron ao Umia (3-1) e completaron unha Liga enteira sen perder na Moreira (e van dúas). Un punto o próximo domingo en Portonovo, diante dun rival ao que tamén lle serve o empate para manter a segunda posición, concedería ao Antela a posibilidade de disputar cando menos unha eliminatoria polo ascenso diante dun rival do Grupo 1 da Preferente Futgal.
Os partidos na Moreira duran o que quere Negrete que duren. O Umia chegou tarde e o choque adiouse media hora. Mais aos dous minutos o Antela xa tiña rematado dúas veces a portería (unha de Pedro, ao pau). Ao cuarto de hora, Negrete reclamou a Peruzzo un pase longo. O colombiano caeu á dereita e tomou vantaxe ao central na carreira, a pelota rebotou entre os dous e quedou aos pes do dianteiro que conduciu até a área pequena, recortou a outro defensa e venceu ao porteiro polo pau corto.
Negrete fallou a continuación un remate franco despois dunha boa combinación da dianteira. E permaneceu agochado un anaco. Até que Pedro foi outra vez Pedro. Recuperou un balón en campo propio, cedeu para o colombiano, que encarou só á defensa visitante, esperando. Un acelerón, área pequena (esta vez pola esquerda) e pase atrás a Pedro que cruzou rasa a pelota para anotar o segundo. Negrete fai todo fácil a unha velocidade imposíbel para o resto.

O Antela foi o Antela que vén tecendo Bruno Gómez desde hai case dous anos, vinte e dous meses. Sabe xogar ao que quere xogar. Orde e talento, que dicía o Zorro de Arteixo. Orde, esforzo e talento, que precisa o fútbol moderno, que tacticamente é igual para todos. Os chanzos establéceos a calidade individual, a velocidade de executar a técnica.
Por iso o Antela está un punto por riba da maioría dos rivais da categoría: por futbolistas como Negrete ou Charly, capaces de ademais de turrar polo resto nunha mellora que é colectiva. Por iso a tempada de Boán, Peruzzo ou Pedro (os irmáns maiores), a de Pucho, Tiago, Mauro, Xabi ou Cole (os que empezan), co engadido dun porteiro que madura cara a metas superiores e deixará escola na Limia.
Marcou Cole o terceiro noutra boa acción colectiva que resume as virtudes do equipo: cada quen no seu sitio e atrevemento para sorprender. O Umia deixou facer e o Antela engraxou a maquinaria cos volantes e os laterais alternado posicións para crear espazos. Así gañou Pucho ás costas á defensa para recibir un pase longo de Xabi e poñer o balón ao primeiro pau onde chegou Cole -onte titular pola esquerda- a rematar.
Na segunda metade o Antela cedeu o balón e campo. Cole tivo o cuarto, Mauro substituíu a Pedro. A chuvia arrefriou o partido. O Umia entrou no partido cun gol aos 64 minutos e púxolle algo máis de intención. Pero non houbo moito máis até a expulsión do visitante Adrián xa contra o final. No desconto o Umia tivo a última e Bruno Pío resolveu ben.

A traxectoria do Antela, malia as dificultades como visitante, convida ao optimismo de cara a última xornada. Ascendido o Pontevedra B como campión, e co Portonovo, o Atios e o Lemos co play-off garantido, queda a disputa da 5ª praza entre os limianos e o Arnoia, que onte cedeu o empate en Pasarón no desconto.
Ao Portonovo (64 puntos) alcánzalle cun punto para manter a segunda praza e a vantaxe de campo nos play-off. O Atios (62), terceiro, precisa gañar para non verse superado polo Lemos (60), cuarto. O Antela (59), quinto, precisa un punto para non depender do que faga o Arnoia (56), cuxa única posibilidade é gañar e esperar a derrota dos limianos en Portonovo.
A Liga da mellor tempada do Antela pecharase cunha xornada excitante á altura da celebración que merece o éxito. O Antela non renunciará a seguir medrando. Sabe e pode.
