Pasa outra xeración
Os xuvenís pecharon a Liga na casa cunha derrota por 1-3 diante do Rápido de Bouzas, que lle deu á volta ao partido tras o gol inicial de Anxo Calleja, o líder dunha xeración que se despide. Na imaxe do cabeceiro faltan algúns, como Aarón Barandela ou Xaco. Na fila superior están Carbajales, David Rivero, Lucas Carnero, Diego ‘Lulo’; abaixo, Veloso, Dameá, Fabián e Anxo. Algúns xa tiveron ocasión de debutar no primeiro equipo. O último, esta mesma tempada, Lulo, que ademais competiu habitualmente co filial en Primeira Futgal.
Pasa unha xeración que conviviu coas de Álex Teixeira e Izan, suficientemente preparada para dar calquera salto. Despediranse do fútbol xuvenil este sábado pola tarde cunha visita ao Coruxo B. Sorte a todos para o que vén!
O filial empata en Loñoá
O filial empatou en Loñoá (1-1) cun tanto de Hugo Penabad, un dos capitáns que celebraron o ano pasado o ascenso do xuvenil. O equipo pechará a Liga como último e descenderá xunto ao Melias, mentres que cinco clubs loitarán pola permanencia na xornada desta fin de semana (Allariz, Brollón, Purísima, Francelos e Maceda). O Antela completa o calendario coa visita do Maside, nun encontro que suporá o adeus de Joni.