Que sorte nos terán reservada os deuses? A pregunta dos lobos que dubidan, non das súas virtudes, feros relampos, senón da esquiva fortuna nas batallas decisivas. Hai dous anos o Antela choraba unha derrota cruel na Moreira. Hoxe atinxe o ceo coa punta das dedas, garras.
Chega o Antela de Bruno Gómez á última xornada de Liga case onde quería hai un mes: dependendo de si propio para meterse no play-off polo ascenso.
O partido de mañá en Portonovo (18,00 horas) xa non é, en certo modo, un partido de Liga, mais aínda, ai!, tampouco das eliminatorias.
Os locais xóganse o seu, manter a segunda praza e ter o privilexio de disputar a volta das dúas eliminatorias (se chegan) na casa, no espléndido campo de Baltar, ben protexido do mar veciño.
Territorio, o das rías, que non adoita a ser propicio para os limianos, que á beira do Atlántico veñen apañando derrotas grosas nos últimos anos: na Illa, en Redondela… Unha circunstancia anecdótica de non ser pola traxectoria do equipo como visitante, moi irregular nos resultados, non tanto no xogo.
O Antela mirará ao marcador e atenderá ás noticias que cheguen da Queixeira, onde o Arnoia no debería pasar dificultades diante do Choco. Hai unha praza en xogo. O Arnoia só ten unha opción de collela: gañar e que o Antela perda. O Choco, de novo no camiño do Antela -como no 78… como no 2024-, mais desta volta como posíbel aliado xa que os de Redondela pelexarán pola permanencia.
Nos limianos hai certa confianza pola seguridade que transmiten as declaracións públicas de Bruno Gómez, asumindo que o Antela se xoga máis que o Portonovo, o adestrador afirma hoxe en La Región que sairán a gañar o partido no campo dun claro candidato ao ascenso.
Con Couto, Cole e Xabi Lamas, xa recuperados e titulares no partido anterior, as posibilidades para formar o once amplíanse. Son tres achegas notábeis a estas alturas da tempada coa perspectiva do play-off que para o Antela empeza mañá: un partido no que non pode perder se quere seguir na carreira polo ascenso.
Anda o Antela na véspera das Letras coma os tolos poetas predestinados de Tovar, atinxindo coas maus “unha colleita de relampos,/namoros, glorias, deuses”.
Gloria ao Tovar das Letras, gloria ao Antela dos lobos coma relampos.
Mañá en Portonovo hai unha batalla, a primeira batalla polo ascenso. Que sorte nos terán reservada os deuses?
A CANTEIRA
O filial despídese de Primeira Futgal na visita MAÑÁ DOMINGO do Maside (11.30 horas) á Moreira. Pola súa banda, os xuvenís pechan a tempada HOXE SÁBADO en Coruxo a partir das oito da tarde.
