Encher a Moreira, o penúltimo obxectivo dos lobos

A media de idade dos 12 xogadores con máis de 1.800 minutos e 30 partidos esta tempada no Betanzos é de 26,33 anos. Só tres xogadores máis superan os mil minutos.

Entre os veteranos, o central Marcos Rodríguez ten 14 campañas de experiencia en Terceira; o centrocampista Ángel Fernández, 12; e o mediocentro Leira disputou catro tempadas na Segunda B. O dianteiro Del Río (25 anos) chegou despois de dúas campañas en Terceira e xogou dúas máis no García Hermanos, a última, a do descenso hai un ano. O lateral esquerdo Martín Lago sumou dúas Ligas na Terceira despois do último ascenso dos betanceiros, no 2023.

Se o Antela é un club que navega habitualmente entre a Primeira división provincial e a Preferente galega, o Betanzos está un chanzo máis arriba, entre a Preferente e a Terceira.

Nesta campaña, os betanceiros remataron subcampións do seu grupo, o terceiro subcampionato nos últimos cinco anos. Remataron lonxe do Lalín, mais foron o mellor equipo da categoría como visitantes: gañaron 10 dos seus 17 partidos fóra e apenas recibiron 13 goles -tamén o mellor rexistro dun visitante nos dous grupos de Preferente-. Son polo tanto o visitante máis duro.

O Betanzos non perde desde o 1 de marzo. Aquela xornada caeu en Pol con remontada local nos últimos minutos. O domingo seguinte cedeu un empate sen goles na casa, e despois enganchou unha serie de nove vitorias seguidas, nas que anotou 27 goles e so encaixou en cinco partidos, un tanto en cada un deles. Chega á Moreira disparado.

Enfronte, o Antela, que despois dunha semana de descanso e as correspondentes celebracións no club polo éxito do primeiro equipo, volveu onte aos adestramentos. Bruno Gómez tratará durante a semana de recuperar o ton competitivo do equipo para equilibrar a intensidade do Betanzos que vén co seu obxectivo (o ascenso) por cumprir. Para o Betanzos, o do domingo non é un choque de postempada… é o partido do ano. Alén das calidades individuais e tácticas do rival, ese será o principal perigo para os limianos.

O ambiente, cálido como as temperaturas destes días, irá quecendo en Xinzo de aquí ao domingo. Coa UDO xogándose o ascenso en Cuenca, o fútbol provincial mirará cara A Moreira. Espérase a mellor entrada en anos no campo limiano, á altura da cita, o punto máis alto da traxectoria do Antela desde aquelas eliminatorias do 78.

No capítulo dedicado á campaña 77-78 na Historia do Antela que se pode consultar nesta web, conta Toncho: “O equipo que definiu o que sería o Antela nas décadas seguintes foi o dos que estaban xusto antes que nós”. No 78, o Antela gañou a Liga de Segunda e disputou unha fase de ascenso que tiña dous destinos posíbeis: un á Preferente (o premio grande) e outro a Primeira. Aquel Antela eliminou ao Endesa As Pontes, e despois caeu co Choco. “O Antela enchía a Moreira. E ía xogar fóra, e enchía. Eran futbolistas de moito nivel que aprenderon no patio do colexio, de xeito natural”, explica o Toncho. Naquel equipo xogaban, entre outros, Barata e Desiderio.

Encher a Moreira, como non se enche desde hai décadas, canda aquel outro fútbol de domingo pola tarde sen televisión, é o penúltimo desafío para os lobos de Bruno Gómez co exquisito Negrete á fronte. O penúltimo… porque o último debe ser (e será) competir cara a cara contra o visitante máis duro e que chega a cen á Moreira.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario