O Antela no atallo

O Antela xoga este domingo na Moreira (18.00 horas) o primeiro partido da eliminatoria dos play-off de ascenso a Terceira REF diante do Betanzos. Bruno Gómez dispón de todos os futbolistas que permitiron ao Antela manterse na carreira polo ascenso durante a segunda volta de Liga, algúns máis cansos, outros (Cole, Xabi) con enerxía renovada despois de lesións longas.

O Antela chega surfeando a boa onda do optimismo, cunha afección entregada a Negrete, Charli e compañía, á ferocidade dos lobos capitaneados por Pedro, coa estabilidade institucional precisa e coa campaña pechada na canteira (unha de mel e outra de fel), un escenario propicio para o desfrute, mais asumindo a inferioridade a respecto do rival -30 tempadas en Terceira no seu historial-.

Lendo as declaracións do técnico rival, Claudio Corbillón, esta semana no Ideal Gallego, dá a impresión de que no plano táctico ambos equipos non se diferencian moito.

He sido bastante insistente en cómo tenemos que jugar y competir, y eso es lo que nos ha dado resultado“. “Podría decir que nuestro juego se basó en la defensa, pero hemos sido un equipo que ha dominado partidos, y por lo tanto defendemos muy lejos de la portería, por lo que nos generan muy pocas ocasiones“. “La clave es ser un equipo intenso, de apretar arriba, poder jugar en campo contrario“… son declaracións que ben podería asinar Bruno Gómez.

Dun choque de espellos pode saír un partido no que cada equipo elixa entregar a pelota ao rival para tratar de que se xogue en campo contrario, o que no rugbi é “o xogo ao pé”. Mais, nese caso, a vantaxe pode estar no balón. E, por ese lado, o Antela non é inferior ao Betanzos, porque ten a Negrete.

O colombiano non é só un futbolista moi técnico, ten demostrado tamén ser moi táctico; isto é, flexíbel para se acomodar ás circunstancias e con recursos para calquera circunstancia. Con Negrete é posíbel pensar no éxito se os demais fan o seu traballo ao cento por cento. O Betanzos non esixirá menos.

O de mañá é o partido que medirá a futbolistas como Bruno Pío, Cole, Pucho, Tiago, Xabi Lamas, Carlos, Jorge… mozos con aspiracións e talento para soñar coa Terceira, que está tan preto. É unha oportunidade inesperada para o equipo e para cada un deles, un deses atallos que se abren cando non hai medo ao fracaso.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario