[AVANCE] O Antela gañou ao Betanzos (3-0) no primeiro partido das eliminatorias do play-off polo ascenso a Terceira REF disputado esta tarde na Moreira. Marcaron Pucho e Charli antes do descanso, e Xabi Lamas no desconto. Máis de 600 espectadores presenciaron o encontro. O resultado coloca aos de Bruno Gómez como favoritos de cara á visita ao García Hermanos dentro dunha semana.
FICHA TÉCNICA: AQUÍ.
[CRÓNICA]
Despois da tempada fabulosa dos tres ascensos, un ano despois, o Antela pechou maio tocando o ceo dos seus mellores soños nunha tarde de moita calor, despedindo á xeración de Anxo Calleja nos xuvenís, celebrando o equipo de 1978 -aquel que estableceu o teito do club-, levando á Moreira 677 espectadores -coas socias e socios, moi fieis, pagando tamén-, nun ambiente de festa total, romaría branquinegra na chaira quente, nun partido ante o Betanzos sen nada que perder, sorriso perenne para afrontar un choque de trens.
E probabelmente ese espírito lúdico e o repertorio táctico de Bruno Gómez, que sorprendeu con Couto no medio e Mauro Sabucedo na media punta: un piar máis no muro defensivo (Couto), un comando na liña de creación visitante (Mauro), foron as chaves dunha vitoria rotunda e inesperada que sitúa ao Antela diante do próximo desafío, subir un chanzo máis, deixar de soñar…
O caderno de Bruno Gómez, a calor, a romaría da xente, o orgullo dos lobos, a paisaxe de ringleiras que se perden no horizonte, o sol que esmaga, a ameaza de Negrete, todo iso envolveu o Betanzos dos cabaleiros, equipo duro, sólido coma ningún na categoría, nunha batalla sen golpes, sen sangue, de froito serodio, traballo primeiro e despois festa, como zoa o vento na Limia tamén cando non zoa.
Coma non quere a cousa… así comezou o Antela. Pedro avisou o primeiro cun disparo que sacou preto da escuadra o meta visitante. Despois ameazou Negrete, que da nada sacou unha internada na área pequena cun disparo rexeitado pola defensa. O Betanzos non se rompeu, pero tampouco se activou cara adiante. Tiago e Pucho pecharon as bandas, e a Boán e a Constenla alcanzoulles con estar sempre ben situados.
O miolo estaba no medio. O mecano do Antela, con Peruzzo, Couto e Mauro ben auxiliados por Pedro e Charli -controlando esforzos en previsión dunha tarde longa-, impediu que o rival tivese o balón e puidera pensar. O xogo foi pesado durante media hora. Respecto e medo. E o Antela, que chegara máis, tivo a fortuna precisa. Pucho atacou a área nun saque da falta desde o medio campo, e tal como lle chovía o balón, meteu o interior para centrar. A pelota debuxou unha parábola por enriba do meta do Betanzos e colouse no segundo pau.
Pouco despois, Tiago, polo outro lateral, pelexou un balón por aire e terra, e conseguiu poñer un centro raso e paralelo a área que Negrete (cun rival ás costas) non puido alcanzar, mais que chegou franco a Charli que lle pegou duro e colocado entre defensas rivais. O 2-0 non era un premio esaxerado. O Antela tramitou mellor ese tramo de partido. E, por riba, volveu ter sorte. Xusto antes do descanso, o Betanzos mandou un balón ao pau da portería de Bruno Pío que rebotou manso ás mans do porteiro.
Na segunda metade o Betanzos non espertou de todo, seguiu insistindo nos centros a área e cando o partido se abriu polo cansazo, conseguiu percutir con máis continuidade por ambas bandas. Moi pouco polo centro. Nin sequera a balón parado foi quen de lle facer ocasións claras ao Antela.
Os locais resistiron media hora e respiraron cos cambios. Primeiro Xabi Lamas por Mauro; despois Carlos por Pedro; e contra o final, Cole e Hernández por Couto e Negrete. Cole é un artista do slálom, e tamén ten fado empuxado por ese vento da Moreira mesmo cando non zoa. Cole iniciou a contra do terceiro. O balón chegou a Carlos, tamén fresco, que elixiu e executou ben. E Xabi, disparado, alma de media punta, completou a xogada co toque xusto.
Foron tres chiscadelas dos deuses: o golpeo de Pucho, o pau antes do descanso, o rebote de Cole, que premiaron 48 anos de historia do Antela, traballo primeiro, despois festa, paisaxe de ringleiras que se perden á vista, chaira quente, vento xélido. O premio é seguir nun soño que xa parece menos soño, subir un chanzo, xogar unha final polo ascenso…
…mais antes hai que pasar -e non será sen sufrir- por Betanzos, a dos Cabaleiros, a historia pesa, alá na ría, fresco e poalla, outro país. Así se escreben as lendas, cando parece que se deu o salto máis difícil, á volta de folla aparece unha torre, o García Hermanos.

