Asalto ao castelo ártabro

Ducias de afeccionados viaxaremos o domingo cheos de orgullo limiano até o porto ártabro, o dos xenoveses da Galiza, irmandiños do mítico Pardo de Cela, capital nas sete provincias, Betanzos dos cabaleiros que resistiu aos franceses, altas torres.

Cheos de orgullo polo 3-0 da ida na Moreira que pode valer unha final polo ascenso se os xogadores de Bruno Gómez volven estar centrados e listos, conscientes de que o do Betanzos non é un castelo que se venza fácil. Tocará sufrir. Cómpre outro golpe de enxeño táctico, cómpre todo de Negrete e dos lobos.

Á medida que se achegue o momento do choque as torres brigantinas parecerán máis altas e os muros máis grosos. Pero o Antela ten que manter o espírito de asalto, do David que se mide a un Goliat ferido mais non abatido.

É posíbel que Bruno Gómez opte por repetir o once con Couto e Mauro reforzando o medio campo. Ao fin, quen ten que mover ficha (máis dianteiros, máis bandas?) será o Betanzos. O Antela -xa non é un segredo- dispón de varias balas: Pedro, Charli e Negrete que con espazos (e o Betanzos terá que concedelos) poden rematar ao xigante.

Despois está Cole, inesperado axitador. Cole cambiou o seu rol a respecto das dúas campañas con Sabucedo en Preferente. E, de volta da lesión, aparece como elemento desequilibrante, coa súa velocidade e verticalidade, alguén a quen non se lle apagan as luces na área. Cole, como os portentosos Tiago e Pucho, está acabando moi ben a tempada.

No García Hermanos xógase un partido distinto a todos os demais destas últimas campañas, empezando porque se celebra moito máis lonxe de Xinzo que ningún outro e coa maior esixencia desde aquel de maio do 2024 contra o Choco na Moreira. Pedro, Tiago, Xabi e Cole volven, dous anos despois, sentir a vertixe; hoxe máis homes, máis fortes, máis lobos.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario