Ouvean os lobos nas catro torres

[AVANCE] O Antela volveu superar ao Betanzos (0-2 no García Hermanos, con goles de Pucho, a centro de Charli, e Carlos González na segunda parte) e xogará por unha praza en Terceira REF co San Tirso de Mabegondo, vencedor do Atios. Será os próximos días 14 e 21, co primeiro partido na Moreira. Os de Bruno Gómez completaron unha eliminatoria sobresaínte contra o Betanzos con 5 goles a favor e ningún en contra.

[A CRÓNICA] O Antela é unha xestión intelixente de recursos escasos (empezando polas forzas, moi xustas), un punto de optimismo e moito de Negrete, un futbolista que intimida pola fama que lle precede.

A xestión é cousa de Bruno Gómez, o adestrador que deu coa fórmula para desactivar ao Betanzos introducindo un central, Couto, no medio campo. Couto foi aire para os pulmóns de Peruzzo e un escudo para a parella de centrais, Boán e Constela, máis apurados onte que na ida, pero igual de solventes.

Para gañar desde a defensa a un equipo coma o Betanzos, que apenas encaixaba, é preciso ese punto de optimismo no que se instalou o Antela desde que obtivo a permanencia. O Antela máis repregado e máis directo da tempada acabou moi por riba do rival nunha exhibición de pegada que non se contaba na Moreira.

No García Hermanos a estratexia foi simple: minar o medio campo, conducir ao Betanzos a un ataque a base de centros e sacar o paraugas; despois, co balón, fútbol directo e que se apañen Pedro e Charli para conectar con Negrete. A vantaxe era enorme -tres goles- e o tempo xogaba a favor dos limianos. Vento nas gradas, suor e cabeza no céspede.

Na primeira media hora, o Antela resistiu ben os nervios, a calor e ao rival e empezou a furar na defensa local. Chegada a pausa para hidratación, o Betanzos vía un muro diante e o Antela un prado aberto como a chaira da Limia. Pucho e Pedro, este dúas veces, tiveron o gol, mais o meta respondeu ben. Na outra área non pasou nada importante en 45 minutos.

O Betanzos entrou sen fe na segunda parte, e Negrete apareceu nunha xogada illada para acabar de decidir a eliminatoria. O colombiano recolleu un balón solto no medio campo propio, saíu á carreira entre tres defensas locais, aguantou á espera de apoios, reviviu a xogada nun par de toques e sacou unha falta nun lateral da área. Charli puxo o centro con rosca cara dentro, Pucho cruzouse (parece que peinou a pelota) e o porteiro non a viu até que a tiña enriba.

Na media hora larga que restaba de partido, sen opcións xa de remontada, as dificultades do Betanzos acentuáronse e o Antela gozou no prado.

Posibelmente o San Tirso -vencedor do Atios e único equipo do grupo norte que segue na pelexa- esixa outra táctica, máis optimismo, máis folgos, máis vento nas gradas, máis Negrete… pero o Antela xa viviu unha pequena festa nun territorio inexplorado até onte, na costa ártabra, nas alturas, onde terá que regresar en quince días despois de se enfrontar outra vez aos seus propios límites na Moreira.

Bruno Gómez parece capaz de máis; Negrete, dun chisco máis do moito que xa dá en cada partido; e co optimismo, xa se sabe, cun pouco de vento limiano pode prender en peitos de homes e convertelos en lobos insaciábeis de glorias. Corazóns branquinegros ouvean na Forxa, na Pena, no Castro, en Celme. Anuncian outra batalla.

Xogadores e seareiros celebran o éxito tralo partido en Betanzos. IMAXES: Pablo L. Gil / X. Calleja

FICHA TÉCNICA: AQUÍ.

ENTREVISTA EXPRÉS CO PRESIDENTE DO CLUB: https://www.facebook.com/reel/1612663973167680

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario