“Témolo aí”, apunta Bruno Gómez

ANTELA – SAN TIRSO, domingo 14 de xuño ás 18.00 horas na Moreira

“O obxectivo cambiou. Témolo aí, e estamos moi ilusionados”, admitiu Bruno Gómez, o adestrador do Antela, na semana previa ao xogo co San Tirso na Moreira no arranque da eliminatoria final polo ascenso a Terceira REF.

Entrevistado polos xornalistas Jorge Ron (xefe de Deportes de La Región) e Laureano Nieto no programa + Fútbol de Telemiño, o técnico dos limianos sinalou que o éxito baséase no “traballo desta tempada e tamén no da tempada anterior”, cando colleu o equipo tras o descenso e iniciou a serie de 37 partidos sen perder na Moreira -cun ascenso polo medio e a clasificación para os play-off este ano-. O Antela porá en xogo ese rexistro de imbatibilidade o domingo cun obxectivo, o novo, moito maior polo medio.

“Esta semana temos pouco que traballar no físico, nesta altura trátase máis de reforzar cuestións tácticas e psicolóxicas. Pola miña parte, éi de insistir na táctica. Despois está Pedro, o capitán, que manexa os estados de ánimo“. Bruno Gómez advirte que o rival será “totalmente distinto” ao Betanzos. “Por exemplo, do Betanzos sabiamos que a partir de tres cuartos todo ían ser centros á área. Soubemos pechar a nosa área e creo que merecemos a clasificación porque fomos mellores precisamente niso, nos detalles nas áreas”. Do San Tirso espera “un fútbol máis alegre, de combinación e extremos”, que intentará contrarrestar “levando o partido ao noso terreo, no que somos máis fortes”.

Durante a entrevista, Bruno confesou que durante a planificación da tempada el pediu ser máis ambiciosos na definición de obxectivos -“pensaba que podiamos estar entre os dez ou oito primeiros, preto do play-off”-, que descubriu o potencial de Negrete nun amigábel coa UDO en agosto, e que á volta do Nadal foi cando se empezou a convencer de que o Antela podía aspirar a unha das cinco primeiras prazas: “vin que eramos competitivos en cada partido”.

Agora petan nas portas de Terceira. O obxectivo volveu mudar. “Témolo aí”, insistiu Bruno, que desexa ver unha Moreira con moita xente, como o día do Betanzos, e volver experimentar esa sensación “de saír a quecer e ver a grada chea, animando xa”. Bruno Gómez, humilde, sereno, goza do momento do equipo: “estamos desfrutando e crecendo neste proceso”, como tamén subliñou na entrevista a pé de campo ao final do choque no García Hermanos. Na Limia, en Xinzo, na Moreira o equipo contaxiou esa ilusión a moita xente, cada vez máis.

ENTREVISTA EXPRÉS AO ADESTRADOR DO ANTELA NO GARCÍA HERMANOS: https://www.facebook.com/reel/852228021287519

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario