O Antela busca o punto xusto

A cousa púxose seria, o Antela xoga este domingo (18.00 horas na Moreira) polo ascenso a Terceira REF contra un rival afiado, o San Tirso, un grupo equilibrado de veteranos e futbolistas no pico das súas carreiras con moitísimos quilómetros en Preferente e nos últimos anos -cinco leva o equipo rematando entre os cinco primeiros- tentando o salto.

Xogan os limianos contra os campións da Copa da Coruña, e contra os mesmos que en outubro pasado recibiron ao Espanyol de Barcelona na Copa de España en Riazor (0-4), contra o equipo que vén de superar ao Atios -o rival que os deixara fóra da final dos play off a tempada pasada-, os mesmos que hai dúas campañas loitaron polo ascenso directo até a penúltima xornada.

Cousa seria o San Tirso de Pablo Vigo (41 anos), 16 tempadas entre a Preferente e a Terceira; agora mancado), Fedello (34), o porteiro campión da Preferente co Noia hai seis anos; Rafa Mella (34), a última fichaxe, titular no mediocampo nos últimos sete partidos, con experiencia no Xaén, Coruxo, Mérida, Compostela, Arenteiro; Denis (31), o goleador con 17 tantos este ano, dous deles decisivos na Copa coruñesa: un na final, outro na eliminatoria co Betanzos.

Chega o Antela sen medo, mais con certa precaución tras superar o que parecía o rival máis duro entre os norteños. O San Tirso, fóra, soubo ser un muro nos partidos clave: empatou sen goles nas visitas ao Sofán e Ordes, empatou a un gol en Lalín, Paiosaco e Dumbría, cedeu pola mínima en Betanzos.

Chega o Antela tras unha semana tranquila despois da festa no García Hermanos, con todo o cadro de xogadores dispoñíbel, coas pezas clave: Pedro, Charli, Peruzzo, Boán, Tiago, Bruno… coa cabeza ben despexada, con Pucho, Mauro, Constela, Cole, Xabi, Jorge, Carlos… a pleno pulmón; con Negrete que non falta nunca á cita e topa ouro onde ninguén busca nada.

O Antela, sen medo, tranquilo, inspira a confianza que se desprenden das últimas declaracións de Bruno Gómez esta semana en La Región: “Se puidemos competir contra o Betanzos, tamén poderemos facelo contra o San Tirso. Os xogadores están moi responsabilizados e coa motivación no punto xusto”.

O punto xusto parece a priori a clave desta eliminatoria que vale un ascenso: alcanzar o punto xusto de intensidade e ambición na Moreira, onde se espera unha entrada daquelas de hai corenta anos, cando o fútbol era todo o lecer dos domingos; o punto xusto de serenidade para interpretar o rival e o partido… sen perder de vista a volta. O punto xusto nas áreas, mais tamén no entrexogo, que parece que pesará máis nesta eliminatoria que na anterior. O punto xusto vaia moita calor ou chova arreo como avanzan as previsións. O punto xusto para velo ouro antes que ninguén e en calquera circunstancia.

Imaxe do adestramento deste xoves. @Pablo L. Gil

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario