Pedro Castro, capitán do Antela, ante o partido contra o San Tirso.
Por que o Antela está onde está?
Creo que o corpo técnico soubo sacar o mellor de cada xogador do cadro de xogadores e cada un de nós respondeu da mellor maneira. Estivemos a moi bo nivel durante todo o ano. Os goles de Negrete, Charly, Carlinhos e mesmo os meus. O traballo no medio do campo de Nico Peruzzo, Mauro, Xabi e Carlos Hernández; a clave do éxito coa solidez defensiva de Pucho, Boán, Constela, Tiago, Cole… as paradas de Bruno Pío. Oute, Raúl Dinis e Jorge sempre achegando para o grupo. A última incorporación, Mina, facendo vestiario; os xuvenís adestrando co primeiro equipo; os lesionados Oli, Lois, Peke e Andrés sempre apoiando… os que empezaron e xa non están, Antón e Kandeh… Niso consiste un equipo. O éxito de estar aí débese a fomos na mesma dirección desde o primeiro até o último.
Sen quen o Antela non estaría onde está?
Sen a directiva, polo traballo incansábel; sen o adestrador, por ter as ideas claras e adaptándose a cada partido; sen os xogadores, que remamos na mesma dirección; sen os siareiros, que sempre dan eses folgos para non te render.
Onde debería estar o Antela a tempada que vén?
O Antela o ano que vén debería seguir como até agora. Sexa en Preferente ou en Terceira. Debe manter o proxecto, porque grazas a iso a tempada actual está a ser magnífica. Estamos a falar do mellor Antela da súa longa historia. Hai que poñer iso en valor e continuar mellorando, sexa nunha categoría ou noutra.
Como vos preparastes para este partido na Moreira?
Preparámonos igual que para os outros partidos, mantendo os pés na terra, traballando no que nos transmite o adestrador e con ganas, ilusión e desfrutando do momento de xogar unha final polo ascenso.
Que guión esperas para o partido?
Espero un Antela como até hoxe. Un equipo unido, como durante todo o ano, intenso e coas ideas claras. Seguindo a nosa filosofía e deixándonos a pel no campo para gañar o partido.
Cal é a importancia da afección, dun campo con moita xente, neste tipo de partidos?
Xogamos na nosa casa, na Moreira, e teño claro que os nosos siareiros van ser determinantes no resultado porque nótase cando están. Persoalmente, grazas a eles os nervios convértense en enerxía no campo. Como dixen antes, eses folgos son importantísimos para seguir adiante e non renderse.
Que pasa se non se consegue o ascenso?
É a mellor tempada da historia do Antela, e temos que poñer iso en valor. Chegar á final xa é un logro absoluto. Simplemente temos que desfrutar do momento e facelo o mellor posible. O fútbol dirá se somos merecedores da Terceira ou non.
Que pasa se se consegue?
Se se consegue, seguramente teña que cumprir a promesa de tinguir o pelo de branco e negro, e seguro que haberá festa en Xinzo por todo o alto. Sería algo para celebrar, obviamente, e oxalá sexa así.
E que pasará contigo? Xa tes tomada unha decisión?
Sería un soño seguir como Cristiano Ronaldo con 41 anos, ou como Iago Aspas con 38, os meus dous ídolos. Quizais unha máis como este último… pero, de momento, toca rematar este ano da mellor maneira posible.