O San Tirso frea ao Antela, pero descobre a Negrete

O Antela respira por Negrete, un futbolista sobresaínte na categoría, capaz de decidir un partido por si propio, de levantar o equipo cando aparecen as dúbidas. Negrete estivo só, pouco asistido e ben defendido polo San Tirso durante unha hora de partido, que pensou que o colombiano non era para tanto. Mais en dez minutos inclinou o campo cara a dereita, arrancando desde o medio ou como extremo, gañando balóns imposíbeis ás costas da defensa. Nunha desas, “gambeteou” xunto a liña de fondo e perfilouse para disparar coa esquerda en elipse cara a escuadra dereita. O balón topou co pau longueiro.

A partir dese momento, o Antela espertou, pensou que podía, mais non puido. Negrete, Couto, Charli, os dous laterais -Pucho e Tiago- a pleno pulmón toparon coa defensa e cun bo porteiro, cun rival ben organizado, constante e sempre ben asentado no prado da Moreira, que esta tarde non foi suficiente malia o milleiro de afeccionados nas bancadas e a pé de campo (un cento deles, do San Tirso).

Foi un partido contido, de nervios, xogado ao límite -cun árbitro sensato que soubo xestionar os ánimos e as amarelas-, cun San Tirso que fixo valer a súa condición de visitante para arriscar un chisco menos, especular un chisco máis, ben medido todo nunha tarde quente sen tormenta nin raios, co Antela minando o medio campo e botando os laterais cara adiante mentres Pedro e Charli daban un pasiño atrás, con moito fútbol directo salvo cando o balón caía nos pés de Sabucedo… e Negrete na punta, moi arriba, moi so.

O San Tirso meteu o medo no corpo antes do cuarto de hora cunha falta lanzada por Mella que Bruno Pío viu pasar cara ao pau esquerdo. O medo xa non se lle quitou ao Antela até que apareceu Negrete, con Xabi xa no campo polo ameazado Sabucedo, con Charli máis no medio e Pedro pola esquerda, un Antela con máis intención porque o colombiano apareceu coa capa de Messi (salvando as distancias).

O empate é moi bo para o San Tirso e bo para o Antela, que segue vivo na eliminatoria polo ascenso, que sabe que Negrete pode con calquera rival, que xa xogou en campos pequenos e difíciles e de mal bote de balón moitos partidos o ano pasado e este ano, que segue sen perder na Moreira -dúas tempadas consecutivas, un récord extraordinario para calquera equipo-, que viaxará o sábado próximo a Mabegondo, no norte, con todo por gañar e non tanto que perder.

Imaxe: Negrete disputa o balón contra dous rivais. @PepeCalleja

FICHA TÉCNICA: aquí.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario