Estación Mabegondo

Fin de traxecto, principio de todo. O Antela colle mañá o último tren coa ilusión dun principiante até a estación de Mabegondo, o campo do Monte, némesis da Moreira, herba artificial contra o prado, norte contra sur, a costa escarpada versus a chaira diáfana… ai, aquel balón ao pau de Negrete!

O Antela non é favorito porque o San Tirso foi o mellor equipo que pasou pola Moreira este ano. Mais non gañou, e iso mantén viva a esperanza. O San Tirso leva catro anos pelexando por ese ascenso que se lles nega sempre ao final. E cada ano vai a máis, pero non lle alcanza.

Para o San Tirso pode que tamén o partido de mañá sexa fin de traxecto. Para o Antela debería ser comezo de todo: con ascenso ou sen el. O club alcanzou a súa cota máxima no deportivo e no social, e debe aprender da experiencia, tentar manter o rumbo.

Despois do 0-0 en Xinzo, dun intercambio de golpes no que ningún dos dous equipos descoidou a defensa, xa non hai moito que agochar nin moito co que sorprender ao rival, e menos nun campo que podería condicionar o xogo: pouco espazo, gañan as defensas, a intensidade, a anticipación… malo para Negrete, regular para o Antela.

Os limianos prepáranse para un partido longo e costa arriba, cen veces máis complicado que o de Betanzos. Mais confían nas súas capacidades. Se non teñen balón, terán campo por diante (algo); se Negrete resulta desactivado, está a segunda unidade de dianteiros. A cousa está máis na cabeza que nos pés. Constancia, decisión, o Antela non se vence nin en 20 nin en 40 nin en 60 minutos… cada minuto que pase coa eliminatoria aberta, os limianos estarán máis preto e o San Tirso, favorito, igual de lonxe.

O Antela, sen referentes nesta vertixe do éxito que se palpa, xogará coa pel coa que xogou aqueles partidos na Moreira no 2024 contra o Barco e o Choco, cando Tiago, Xabi e Cole eran novatos azorados, cando resistiron até o límite das forzas e capacidades, e caeron e aprenderon que o final é tamén o principio, e que no fútbol non todo son chairas diáfanas como A Moreira, que as derrotas teñen consecuencias e deixan feridas, mais volves por máis, a risco de sufrir e caer e levantarte para volver por máis.

Son un longo camiño / que en min ergéu a terra, din as verbas do poeta metafísico da Limia, Antón Tovar, quen mellor nos fai entender a chaira, o vento, o corpo do labrego que súa de neno, de mozo, xa vello… con esa pel vístense os lobos para asaltar outro castelo norteño, O Monte. E gañen ou perdan volverán cunha historia épica, un punto final no que arranca o principio doutra.

Na Estación de Mabegondo xa esta escrito o futuro: o luns, pase o que pase, volveremos estar orgullosos dos nosos Tiago, Xabi, Cole… metafísicos lobos que non aspiran a máis gloria que a que canta o poeta, desandar o camiño: ser carballo antre os carballos, / ser néboa coas túas néboas…

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario