Si, non é un soño.
[AVANCE] O Antela é equipo de Terceira REF por vez primeira na súa historia, o que o converte no quinto club de referencia na provincia -por detrás da UDO, Ourense C.F., Arenteiro e C.D. Barco-. O Antela, que hai dous anos caeu a Primeira Futgal, non volveu perder outro partido na Moreira e encadeou dous ascensos consecutivos da man de Bruno Gómez e un grupo de futbolistas da canteira, cemento do gran equipo desta tempada cos engadidos principais de Pucho, Peruzzo, Mauro Sabucedo e, sobre todos, Negrete.
Este Antela que foi quen de amarrarse ás prazas de play-off dende o principio do curso e vencer nas eliminatorias finais a dous equipos preparados para ascender (Betanzos e San Tirso), gañou o ascenso da maneira máis inesperada: na quenda de penaltis, a sorte que frustrou aos limianos en roldas copeiras contra o Barbadás, o Barco ou, este mesmo ano, contra o Sporting Celanova. E foron, alén de Bruno Pío -que parou o primeiro penalti de todos-, cinco os sorprendentes protagonistas: Tiago, Constela, Pucho, Jorge e, finalmente, Carlos González. Mozos moi mozos que nesta Liga foron pacientes e disciplinados até merecer o seu momento na historia.
FICHA TÉCNICA: aquí.
[ACTUALIZACIÓN]
O PARTIDO
Despois do 0-0 na Moreira a semana pasada, a eliminatoria final estaba costa arriba. Mais o Antela tiña un plan e a afección non se rende. Dous autobuses de seareiros e ducias de vehículos particulares fixeron a viaxe até Mabegondo para acompañar aos xogadores de Bruno Gómez. Ao fin, o partido foi tan equilibrado nas gradas como no terreo. O adestrador limiano confiou no mesmo once que nos tres partidos anteriores do play-off, con pequenas variacións nas posicións: Pedro como punta deixando a Negrete a banda esquerda; Couto definitivamente encaixado como pivote. O Antela defendeu con seis e atacou con balóns longos para non deixar ao rival opción de ligar roubos e pases nos tres cuartos.
O perigo nas áreas chegou todo de saques de esquina, de faltas ou de banda. Nas segundas xogadas o San Tirso apañou máis balóns porque se meteu máis arriba, pero os nervios tamén pesaban nos locais, que pareceron un equipo minguado a respecto do que se plantara na Moreira.
No Antela, Negrete apenas tocou balón e, cando o tivo, non encontrou espazos. Despois da primeira pausa de hidratación, o colombiano agarrou un eslálom contra catro e deixou a pelota a Pedro na frontal que se venceu ao contacto dun rival. O demais foi todo xogo aéreo, tamén no ataque local, ben asentada a defensa do Antela e cun Bruno Pío solvente.
Na segunda parte ambos equipos insistiron no mesmo -a tensión polo que estaba en xogo non deixaba lugar para aventura ningunha-. O San Tirso tivo máis presa por marcar, e o Antela respondeu con paciencia. Cos cambios, os limianos pareceron gañar un pouco máis de aire que o rival. Entraron Carlos e Xabi, máis tarde Jorge e Cole. Os últimos minutos foron densos. Nunha falta lateral, Pucho recolleu o balón no segundo pau, xirouse na área pequena e sacou un disparo que desviou o meta local. Negrete rematou a pracer. Gol. O tanto parece que estivo ben anulado: cando Pucho se xira, Negrete xa está superando a liña. As protestas acabaron con Bruno Gómez expulsado.
Na prórroga, máis nervos, pouco fútbol, aglomeracións nas áreas, porteiros dominantes, medo a perder… o San Tirso xa non era tan fero como a semana anterior, como na hora e media previa, o Antela empezou a gañar a eliminatoria neses minutos. Era un muro, ía ser un muro desde os once metros.
OS HEROES
Ningún dos peores escenarios imaxinados se concretara. O Antela chegaba vivo ao final do partido, ao final da prórroga, convencido -agora si- de que tiña o ascenso nas súas botas, nas luvas de Bruno Pío. Os penaltis sempre erixen dous heróes: un porteiro e o que marca o último. O luso detivo o primeiro lanzamento da quenda. Despois marcaron Tiago e Constela. Bruno parou o terceiro deles. Con 1-2 para o Antela e con Pucho preparado, parecía definitivo. Mais o árbitro fixo repetir o disparo. Pucho non se desconcentrou e fixo o 2-3. Marcaron eles. Marcou Jorge (especialista en ascensos: 4 en dúas tempadas), un gol merecidísimo e celebradísimo.
Chegou o momento dos heroes: quixo selo de novo o Bruno, mais o San Tirso fixo o cuarto (4-4). Carlos González (tres ascensos estes dous anos) colocou o balón. Parouse. Foron segundos eternos. O dianteiro tensando ao porteiro, temperando os nervos propios. Só un home no campo non tiña dúbidas do que ía pasar: era el, Carlos, o heroe. Gol. 107 anos de historia. Unha Liga de 38 partidos. O Antela que gaña en Celanova cun menos. O Antela tomba ao Cented e ponse líder a primeira semana de outubro. O Antela que remata o 2025 invicto na Moreira e empeza o 2026 gañando ao Portonovo. A Moreira que se inunda en febreiro. O Lemos que cae por arte de Charli e Negrete. O empate na casa co Moaña que complica as cousas, a vitoria contra o Umia que as aclara. O Betanzos que parece unha montaña e se derrumba noutra tarde luminosa na Moreira. Aquel pau de Negrete contra o San Tirso a semana pasada…
Carlos González, o neno loiro polo que chamou o Arenteiro na segunda tempada en Preferente con Sabucedo e levou consigo toda a confianza daquel equipo que empezou mal e acabou mal, regresou a tempada pasada para ser o heroe con Jorge -outro neno migrante, mozo retornado- e brillar nos ascensos do primeiro equipo e do filial. Carlos (e Jorge) teñen don, estrela e xuventude.
MIRAR ATRÁS
O Antela escribiu en Mabegondo (Abegondo, A Coruña) o 20 de xuño de 2026 a páxina máis gloriosa da súa historia: o ascenso a Terceira. Dende que empezou a competir en provincial no fútbol federado dos anos 70, a aspiración do Antela foi sempre alcanzar a altura de veciños notábeis, primeiro o Celanova, despois o Verín. Nos oitenta de Toncho empezou a falarse da Moreira. Os anos vinte de Joni, Pedro, Breixo… marcarán a partir de hoxe o fito máis alto.
Hoxe cómpre mirar moito para atrás antes de ter que mirar cara o que vén. O Antela dos tres ascensos en cinco anos empezou a se construír en xaneiro de 2022 -aínda entre mascaras pola pandemia-, co equipo preto do descenso a Segunda provincial. Foi o momento chave: a chegada de Sabucedo, a remontada, o gol de Tazos ao Peroxa, os goles dos Lamas no desconto en Vilariño, o ascenso con Suso, Pancho, os Forri, Borja. Despois o equipo en Preferente, buscando piares dentro e fóra, Cole e Tiago, Izan e Charli; Noel, Tumbeiro, Peral, Romero, Fabio. E a segunda tempada en Preferente, con Rui Vogado, Villar, Sidibe, a explosión de Álex Teixeira, o trauma do descenso. A chegada de Bruno Gómez con Boán, Lois, Oli e Caneiro, a fichaxe de Bruno Pío, a Liga dun trasatlántico, os récords, a despedida de Joni e Breixo, o último ascenso hai un ano.
A Terceira en cinco anos após a pandemia. Non foi un soño, ou si…