O primeiro partido na Copa Federación, contra un rival de Terceira, no regreso á Moreira despois do histórico ascenso de xuño, un domingo quente do plácido agosto que convidaba máis ao solaz na piscina (non no río, non) á xente tiña gañas de fútbol e a afección limiana pode darse o gusto de ver partidos da quinta división -unha liga galega- na tempada que celebrará aos campións do mundo.
Cento e pico anos de historia de fútbol na Limia, do Antela, fixeron falta para acumular a bagaxe suficiente, a ambición, a sorte, o alento da xente para conquistar esta división, o teito da maioría dos clubs de Ourense, entrar nese grupo de equipos que polo menos unha vez disputaron esta liga que para os branquinegros foi un soño sempre.
E o Antela, contra o Gran Peña, deu a medida do que se pode esperar del este ano. Está ao nivel, pode competir, ten talento e gañas. As gañas de Xabi Lamas e Cole -titulares onte- dous mozos que se fixeron homes en catro anos de dura aprendizaxe, de Primeira a Preferente, un descenso, un ascenso e outro máis. Xabi Lamas merecía levar o distintivo do capitán despois de ter sumado tres ascensos entre 2022 e 2026, desde aquel gol no campo do Atlético Vilariño até onte: o primeiro capitán do Antela na Copa, na tempada de Terceira.
Foi unha estrea con mal pé para el (lesionado aos dous minutos), mais chea de esperanza para o equipo de Bruno Gomez, que abriu a tempada con oito titulares dos que conseguiron o ascenso desde Preferente hai mes e medio. Por Lamas entrou un dos futbolistas do partido: Mauro Sabucedo, que xunto a Peruzzo e Iñaki Bellido -un rapaz que vén dos xuvenís do Zaragoza-, dominaron ao Gran Peña no centro do campo durante toda a primeira metade e facilitaron o despregue de Negrete, que xa levanta á xente en canto toca o balón.
Iñaki Bellido tivo un impacto enorme no xogo, foi un socio perfecto para Negrete e Charli mentres Sabucedo e Peruzzo laboraban na mina. Bellido é un Anxo Calleja con algo máis de coiro; é dicir, curtido nun club de elite. Entre o medio campo e a área, o aragonés deu unha lección de fútbol. Apagouse na área, mais entende o fútbol que quere o Antela e na segunda metade, como interior, seguiu un corpo por riba do resto.
O Gran Peña viuse superado na primeira metade, e non apañou máis dun gol pola falta de acerto dos locais no remate. Volveron Tumbeiro e Gastón. O nove, na súa versión, de ariete. O central, sobrio, enfocado en non cometer erros cando a un Couto que tamén se mostrou moi seguro na súa posición natural. Sobre os ombreiros de Gastón e Couto descansan boa parte das opcións de éxito do Antela, que sufrirá a balón parado.
O gol visitante chegou nun córner no arranque da segunda parte, e nos seguintes minutos o Antela sufriu diante dun equipo de Terceira. O Gran Peña someteu aos locais, e ameazou, mais non acertou co golpe definitivo. A forza de Tiago, a intelixencia de Charli, os pés de Negrete mantiveron no partido aos limianos até o final.
No desconto, Sabucedo meteu o balón na área cun saque de banda, e caeulle a Carlos, que cruzou o disparo para empatar o choque. Dous minutos despois, nunha xogada case calcada, Charli empalmou o rexeite da defensa desde fóra da área. Un golazo. Xusto premio para o Antela, que pasa ronda, e segue crecendo, mostrándose capaz de enfrontar o seguinte desafío. A Liga inda tardará, pero o Ourense C.F. (agora na Segunda REF) será a seguinte proba na Moreira, onde os limianos non perden desde hai moito (maio do 2024, o descenso contra o Choco, o partido onte Tiago e Cole empezaron a facerse o que son hoxe).
PRÓXIMO PARTIDO NA COPA: Antela – Ourense C.F.