A 9 de agosto, no terceiro choque de pretempada -dúas semanas de adestramentos-, o Antela que se estreará en Terceira dentro dun mes está a punto. Tanto que hoxe na Moreira, nunha tarde de moita calor, foi quen de equilibrar en fútbol, intensidade e velocidade ao Ourense C.F. (que este ano regresa a Segunda REF, unha categoría por riba dos limianos). E gañou o partido. Porque como adoita a acontecer na Moreira, o Antela tense fe até o final e acaba derrubando muros moi altos.
A diferencia do choque contra o Gran Peña, o Antela non tivo o balón máis que nos primeiros vinte minutos. O resto do partido foron os visitantes os que impuxeron a súa condición técnica, mais o Antela respondeu con esforzo e Bruno Pío, excelente por abaixo e por arriba (salvo nunha xogada que se complicou innecesariamente). O porteiro portugués sacou tres mans baixo paus na segunda parte que impediron a primeira derrota de Bruno Gómez na Moreira despois de dous anos.
Sen balón e con moitos menos espazos, Bellido apenas luciu, e foron Raposeiras e Peruzzo quen sostiveron ao Antela no medio campo, mentres Tumbeiro ofreceu máis adiante que a semana anterior e Negrete, ben defendido, menos.
A mellor ocasión do Antela na primeira metade foi unha subida de Pucho que penetrou na área e se atreveu a disparar. Pucho acabaría sendo o heroe noutra arrancada pola dereita contra o final do partido que resolveu de xeito brillante: recorte cara dentro e disparo coa esquerda ao primeiro pau.
Entre unha e outra situación, o Antela defendeuse con orde, pechando as bandas e recuperando segundos balóns, sen sufrir moito nos córners e con Bruno Pío tapando os buratos que ían aparecendo. Tiago e Pucho, desde os laterais, cumpriron o plan en ataque, e Negrete topou un oso en Achore, un lateral moi rápido que vén do Montañeros coruñés.
Dá a impresión de que o Antela 2026-27 vai ter un rexistro máis amplo de ataque: con Bellido e Negrete, con Charli e Carlos, e sempre Tumbeiro, mais tamén con Tiago e Pucho (ou Cole ou Sabucedo). Falta fará, porque a defensa e Bruno Pío xa saben que a vida será moito máis dura este ano…
Mentres, a afección goza dunha pretempada fantástica, un estado de ánimo que non se acorda na Moreira, unha ilusión efervescente, cun equipo no punto. Iso si, cómpre lembrar que a Liga comeza en setembro. Inda non empezou.
PRÓXIMO PARTIDO NA COPA: Antela – Boiro