Até onte o Antela medíase co pasado: dous ascensos en dous anos, corenta partidos sen perder na Moreira, os preparativos para xogar en Terceira, un fito na historia do club… O Boiro, un de tantos equipos cos que se xogará a Liga a partir de setembro, veu poñer fin a toda una etapa, a do namoramento da afección co Antela, de Bruno Gómez coa Moreira, do fútbol modesto ourensán co conto dun pequeno que se fai grande.
O fin do conto da Copa Federación foi un partido de tantos da pretempada, malo, sen ritmo, con suor, cansazo e leas, cun árbitro tamén en prácticas, co presidente da Federación Galega de visita en Xinzo en recoñecemento dun club que quere sacar cabeza, acompañado pola concelleira de Deportes e parlamentaria popular, Cristina Campero, sorrinte namorada, ela tamén, deste Antela de conto.
Negrete estaba mancado e quedou no banco, os de Bruno Gómez non exhibiron a chispa de tardes anteriores, cos centrais intranquilos, Bellido querendo ser Bellido, e os Carlos, o Tiago e o Pucho botándolle peito. O Antela, xa está dito, tense fe. E amarrado a esa fe vai amarrándose aos partidos. Xa marcara o Boiro nunha acción desafortunada cando o Antela disparou por primeira vez entre os tres paus.
No arranque da segunda metade apareceu Mauro Sabucedo, que non ten medo de poñerse a xogar. Co impulso, e Negrete ameazando en varios slálom, os locais pecharon ao Boiro sobre a súa portería. Máis vertical, con Bellido e Sabucedo caracoleando, o Antela pareceuse ao Antela de hai unha semana. Desta volta, sen remontada.
Foi o peor partido do Antela desta xeira. Así rematou o conto da Copa, da imbatibilidade e a festa que comezou co verán.
Non pode haber mellores sinais para o que resta (quince días) antes de comezar de cero. A Liga, un reto maiúsculo para un equipo pequeno, sen experiencia, cun adestrador e unha afección debutantes e unha directiva que segue sendo a mesma que había hai tres anos. O Antela volve a tocar o chan. O campo precisa auga. Os goleadores, goles; os defensas, perder o medo; Bellido e Negrete sentir o alento de todos. Pode ser un gran ano. Distinto dos últimos e de todos os anteriores. O Antela está na estación a piques de se subir ao tren de Terceira, un convoio de luxo, e ninguén se quererá baixar.
PRIMEIRO PARTIDO DE LIGA: VIVEIRO – ANTELA (domingo 6 de setembro)
