A concelleira de Deportes, Cristina Campero, o presidente do Antela F. C., Pablo Losada, e o directivo responsábel dos xuvenís do club, José Antonio Carbajales, presentaron onte nas instalacións da Moreira a II Lethes Xuvenil Cup. Memorial Ramón De la Fuente, que se disputará mañá e pasado en Xinzo de Limia.
Na xornada matinal do sábado, os primeiros partidos, ás 10.00 horas, enfrontarán ás Escolas Deportivas de Xinzo co Purísima (na Moreira) e ao Antela co Polígono (no Fernández Carrera).
A continuación, no campo de herba natural da Moreira celebranse os xogos Ourense C.F. – Maceda (11.00 horas), Antela – Verín (12.00) e Raio21 – Pereiro de Aguiar (13.00). No sintético disputaranse os choques Velle – Raio21 (11.00 horas), Barbadás – Escolas Xinzo (12.00) e Ourense C.F. – Sp. Celanova (13 horas).
A xornada de tarde comezará ás 17.00 horas. O domingo, os cruces empezarán ás 10 horas en ambos campos e a final está prevista na Moreira para ás 13.00 horas.
Todos os equipos xogarán 4 partidos de 50 minutos, divididos en dúas partes de 25 minutos, cun descanso de 5 minutos.
