Antela F. C. 1919

Club de fútbol da Limia

A Moreira estrease o sábado da Saínza

O Antela recibirá ao Somozas o sábado ás seis da tarde. Os limianos adiantan o xogo pola celebración o domingo da festa da Saínza. O encontro, correspondente á cuarta xornada de Liga, suporá ademais a estrea da Moreira como campo de Terceira REF, despois de que o céspede teña sido sometido a traballos para rexenerar a superficie.

O Antela chega con 4 puntos, dous máis que o Somozas, que empatou os seus dos encontros como local e perdeu pola mínima en Lalín.

Coa baixa de longa duración de Iñaki Bellido, a sensación da pretempada, e a recuperación de Negrete, o equipo de Bruno Gómez ten que se reorganizar mentres os novos van tomando a medida á Moreira, ao club e á afección. A Liga comezou nun pano, con partidos moi pechados, poucos goles (os limianos apenas suman un, anotado por Bellido) e o Antela buscando o sitio nunha categoría descoñecida.

A CANTEIRA

O Antela B recibe ao Rocas en partido da cuarta xornada do grupo ourensán de Segunda Futgal no Fernández Carrera o sábado ás 16.00 horas. No mesmo escenario, a partir das 20.00 horas, o Antela xuvenil xoga diante do Atlántida Matamá, que vén de golear ao Rápido de Bouzas.

Comparte