O Lalín levaba tres lustros sen pisar a Terceira, da que descendera en 2012 con Perfecto Rodríguez, Peluso, como adestrador. Un club que se fixera histórico da man de Fernando Vázquez a finais dos oitenta volve a Terceira REF cun equipo moi mozo que se sustenta no central Santi Prado (exUDO), no mediocentro Brais Vidal (exEstradense) e nunha das revelacións da categoría, Carletto (exSilva: oito goles o ano pasado cos coruñeses, dous xa esta Liga).
A cuarta fichaxe, Hugo Padín, da canteira do Dépor, con paso pola UDO, e co aval de 11 goles a campaña anterior no Estradense; o goleador lalinense do ano pasado, Eloy (18 tantos) e o meta ourensán Sampayo, chegado da UDO para o ascenso, completan a columna deste Lalín que sofre na casa, o amplísimo Manuel Anxo Rodríguez. En catro partidos obtivo dúas vitorias pola mínima, empatou co Barco e apañou unha derrota contra o Silva. A semana pasada gañou ao Pontevedra B cun tanto de Eloy de penalti.
Como visitante, é un rival perigoso. Gañou ao Gran Peña e na súa última saída, en Portonovo. Iván Carril, o seu adestrador, define o equipo como “atrevido en ataque” e que “busca ao rival” cando non ten o balón. Os dezanos son segundos na clasificación, cun punto máis co Antela, que despedirá outubro intentando amarrarse á cabeza.
Pendente da recuperación de Bruno Pío, con Álex Cid e Musa Dambelleh asentados e Gastón de volta, Bruno Gómez vai recompoñendo a estrutura dun equipo que estaba pensado para xirar ao redor de Iñaki Bellido. A cousa precisa tempo, mais a Liga non dá tregua. Chega o inverno e os limianos buscan a calor da Moreira para negociar un tramo delicado do campionato. O domingo (17.00 horas), diante do Lalín, necesitarán ademais dese espírito dos lobos dos dous últimos anos nunha tempada densa, dura e cunha vertixe que nunca se vira en Xinzo. Cada domingo é unha festa. Agora o Lalín; A Moreira segue flipando.
A CANTEIRA
O xuvenil viaxa este sábado a Vigo para medirse no Cotogrande co Santa Mariña (16.30). Os locais están un punto por baixo do Antela e inda non perderon esta tempada. Pola súa banda, o filial de Juan Forri visita, tamén o sábado (17.00), o campo do Moreiras para poñer en xogo o liderado diante do segundo clasificado.
PATROCINADORES


