Antela F. C. 1919

Club de fútbol da Limia

Carlos está maduro

Carlos González fixo o mellor e o peor do Antela no partido contra o Lalín: anotou o gol do empate na primeira parte e fallou un penalti ao comezo da segunda, co 1-2 no marcador. Dentro do tobogán que foi o choque, Carlos reivindicouse na posición de nove. O dianteiro limiao chegou en decembro do 2024 e Bruno Gómez aliñouno habitualmente como ariete, aínda que acabou xogando tamén como centrocampista. A pasada tempada, en Preferente, desenvolveuse como punta pola esquerda. E, xa na actual, comezou co mesmo papel, dada a competencia de Tumbeiro no posto de nove. Un par de lesións parecen ter atrasado a súa explosión en Terceira, categoría que xa coñece.

“De momento non puiden ter continuidade por dous golpes, un nun adestramento antes da primeira xornada de Liga e outro no Carballiño, a semana na que volvía, pero agora estoume atopando moi ben e con moita confianza“, confesa hoxe nunha entrevista que publica La Región.

Como o partido do domingo, a traxectoria do futbolista é un tobogán. Mais, con 22 anos, Carlos atesoura xa unha notable bagaxe. Con 18, tombou o Antela xogando co Pabellón nunha eliminatoria de Copa. Con 19, saíu da Moreira rumbo a Espiñedo, a piques de comezar a tempada do Arenteiro en Primeira RFEF. Non chegou a debutar e acabou cedido ao Rápido de Bouzas, en Terceira RFEF. Con 20 anos, pasou media Liga co Barbadás, tamén en Terceira, onde anotou un gol, contra o Betanzos. Na Moreira recuperou a alegría e o gol. Ascendeu co primeiro equipo e co filial, sendo moi protagonista. En Preferente tivo continuidade e acabou sendo decisivo nas eliminatorias polo ascenso: marcou un gol en Betanzos e transformou o último penalti na final contra o San Tirso.

De momento, sabe onde está. “Este cadro de xogadores ten moita ‘chicha”, admite na entrevista. A competencia aumentou na dianteira coa chegada de Álex Cid, Dambelleh e Tumbeiro. Mais Carlos está maduro. Para marcar e para fallar, como bo dianteiro, sempre no fío.

Patrocinadores

Comparte