Volve o Antela á Moreira (sábado, 16:30 horas contra o Silva), onde afrontará dous exames consecutivos (o seguinte, diante da Sarriana) para saber en que nivel da Liga de Terceira quedará situado tras o tramo inicial da tempada. Regresa cun regusto amargo despois de tres empates e unha derrota -tres puntos dos últimos doce posíbeis-, o que aumenta a presión sobre o colectivo.
Volve Peruzzo lanzando unha advertencia: “Para sumar de tres en tres temos que ser máis contundentes na área rival, xa que precisamos crear moito para facer gol”, di o arxentino nunha entrevista con Laureano Nieto publicada este mércores en La Región, deixando un retrato nítido do que foron os últimos choques. Peruzzo, titular en oito dos nove partidos, é o futbolista limiao que máis minutos suma na Liga: 810. E engade outra advertencia: “É unha categoría moi competitiva, na que hai que coidarse un chisco máis porque tes que estar ao cento por cento cada domingo”.
Nun medio campo con poucos efectivos -Sandro, Mauro, Xabi Lamas, ademais de Peruzzo-, a chegada de Diabaté debería acentuar a competitividade e estabilizar unha liña que foi a máis afectada pola baixa de Iñaki Bellido.
O Silva presentarase na Moreira con dúas vitorias como visitante e un balance de 8 goles a favor e 9 en contra nas súas catro saídas. Marca moito (2 goles por partido), mais tamén encaixa (2,25). É un equipo veterano na categoría (leva 13 tempadas consecutivas) e cun cadro de xogadores moi curtido: 26,6 anos de media de idade (só superada polo Vilalbés).
O Silva é, ademais, o club que mellor representa o estándar para a permanencia (obxectivo do Antela) na Terceira RFEF: a súa posición media nas últimas trece campañas foi a 12ª, a cal repetiu tres veces, mentres que ocupou en dúas ocasións as posicións 11ª e 13ª. Será unha boa pedra de toque nun partido ao que o Antela chega avisado: na Terceira, dá igual que xogues como visitante ou como local (subliña Peruzzo), os partidos son un constante intercambio de golpes… e máis aínda contra o Silva.


