Antela F. C. 1919

Club de fútbol da Limia

Dous erros condenan ao empate

O Antela sumou o seu terceiro empate consecutivo nun partido no que foi a remolque no marcador e tamén no xogo durante moitos minutos. A carga final, con Sabucedo, Tumbeiro, Pedro e Cole no campo deu para igualar o choque, mais non para a remontada. Mais se o Antela non merecía perder, o Lalín tampouco. O punto é ouro para os dezanos, non tanto para os limianos, que volven ceder na Moreira o que conquistan fóra.

Con Couto como pivote e Carlos como nove -as novidades- e Álex Cid e Negrete tirados ás bandas, o Antela entrou mellor no choque fronte un Lalín que se gardou ben e empezou a se estirar polas bandas superado o cuarto de hora. Os dous laterais visitantes, Iván Vázquez pola dereita e Óscar López pola esquerda, foron dous puñais. Bernardo non puido con Vázquez e Pucho tamén sufriu para frear a López. O Lalín percuitiu con insistencia e o perigo sobre a meta de Iago -outra vez substituto de Bruno Pío- chegou case sempre desde os saques de esquina.

Porén, a mellor intervención de Iago foi unha man que sacou por arriba nun disparo frontal. Á contra, o Antela tivo un par de chegadas sen froito. E o Lalín mantivo a constancia e obtivo o premio nun penalti que os locais non protestaron. Marcou Manuel Galego aos 36 minutos e, coa defensa local presa dos nervios, pouco despois -noutro córner- os visitantes estiveron a piques de ampliar a vantaxe. Foi a xogada que precedeu ao empate. Carlos cazou un balón e disparou raso desde o borde da área para devolver a tranquilidade á grada.

Recomposición

Bruno Gómez intentou recompoñer o medio campo dando entrada a Peruzzo no pivote. Mais o Lalín saíu coma un tiro na segunda metade e o gol veu precedido dun erro de Iago, que non atallou un balón en bote que Galego aproveitou. Foi o primeiro erro que condenou ao Antela a un esforzo maior. O segundo foi doutro xogador que resultara determinante na primera metade: Carlos. Negrete ligou un eslalon entre tres defensas e o último derrubouno na área. Carlos fallou o penalti. E o Antela entrou en depresión. Dez minutos críticos até que apareceu no partido Mauro Sabucedo.

É certo que Sabucedo adoita a entrar co partido aberto, mais tamén é un futbolista que axita a partir da posesión. Con Peruzzo e Sabucedo ordenando o tráfico, o equipo conseguiu activar a Negrete e a Álex Cid, irrelevantes até entón polo caudal de fútbol do Lalín por bandas. Cid dispuxo dun man a man que lle gañou o meta visitante. E xusto despois o Antela deu entrada a Tumbeiro por Negrete e a Cole por Bernardo. O Antela veuse arriba. A grada estivo atenta ao momento. Pedro entrou por Boán. E no 82, despois de sete partidos, Tumbeiro topou o gol. O Antela quixo máis. O Lalín parecía definitivamente descosido. A Moreira, xa noite, empurraba. Nos dez minutos finais os locais tiveron un par de oportunidades claras para facer o terceiro. Mais o muro do Lalín non caeu.

Completadas oito xornadas, o Antela suma oito goles, tres vitorias e catro empates, está a seis puntos do líder e seis puntos por riba do descenso, exhibe fondo de armario, repertorio, alto ritmo competitivo, solidariedade entre os futbolistas e comunión coa afección. A base para alcanzar o éxito (a permanencia) parece sólida.

Imaxe: Pablo L. Gil.

Ficha técnica: aquí.

Clasificación: aquí.


A canteira

O xuvenil gañou a domicilio ao Santa Mariña (0-2, tantos de Lucas Martínez e Varo) e colócase 4º con 13 puntos despois de catro vitorias en seis xornadas. Mentres, o filial empatou no campo do Moreiras, segundo clasificado. Os goles visitantes foron obra de Mina, e os locais equilibraron o marcador contra o final (2-2). Os de Forri seguen líderes, agora igualados co Allariz a 20 puntos.

Comparte