Bruno Pío salvou ao Antela de apañar unha goleada. O partido resúmese nos 5 primeiros minutos da segunda metade. Bruno, el soíño diante dun rival desatado. Ás veces tivo a axuda da defensa; outras os defensas cometeron erros grosos, malas decisións, que o Barco non soubo ou non puido aproveitar nos recorrentes man a man. Foi un Bruno contra o Barco que rematou en táboas. Unha avalancha visitante que comezou co partido e non parou. Unha morea de intervencións espléndidas do Bruno, incluído un penalti que atallou a Sidibé.
O Antela, con Álex Cid como titular, cedeu o balón ao Barco e cedeu máis campo do que acostuma. Os de arriba non activaron a presión e o medio campo local viuse superado pronto pola verticalidade dos visitantes. A defensa (sen Gastón) mantivo o tipo nos primeiros corenta e cinco minutos. Despois, esfarelouse. Só Bruno Pío seguiu en pé.
A diferencia estivo no balón. O Somozas deixara unhas anotacións, o Barco hoxe deu unha lección completa. A partir da posesión o Barco organizouse, empurrou e percutiu cando e como quixo. Sen balón, o Antela non tivo compás nin norte. Foi á deriva desde o principio, nin o gol de Bernando -unha recuperación despois dun córner a favor, eslalon desde a dereita até o balcón da área e disparo coa zurda ao pau largo- nin as primerias paradas de Bruno elevaron o ton.
O Barcou meteu aos limianos no seu campo, exhibiu todos os rexistros da ofensiva, por dentro, por fóra, polas bandas, recuperou fácil os balóns, e fixo todo o traballo preciso para tombar ao Antela. Non o conseguiu antes do descanso. Mais era cuestión de tempo.
Bruno Gómez reaccionou ao discreto partido de Cid introducindo a Tiago pola esquerda. Mais non pasara un minuto e Tiago anotou en propia meta tras un mal golpeo de cabeza. Non pasaran dous minutos cando a defensa se embarullou e obrigou a Bruno Pío a cometer un penalti sobre Sidibé, que puido matar o partido. Non acertou o ex do Antela nin tampouco nas ocasións que viñeron despois. Nin el nin ningún dos seus compañeiros. Durante case media hora o Antela foi un xoguete para o Barco. Mais cando Agustín Ruiz ordenou a ofensiva final metendo a Cruz e Martín no campo, os locais recompuxéranse un pouco con Mauro Sabucedo entrando por Boán e situando a Tiago como defensa.
Os cambios non lle sentaron ben aos visitantes, que baixaron un chisco o ritmo, fronte un Antela mellor organizado para a resistencia con Xabi Lamas tamén sobre o céspede tratando de baixar o balón. Os minutos finais foron un ida e volta no que Bruno Pio seguiu ao seu, compensando as eivas do Antela, e Charli, enorme esta tarde, intelixente coma sempre, tratou de estirar algo a uns lobos que pasaran todo o partido coas orellas gachas.
O Antela apenas leva tres meses nunha categoría semi-profesional (é dicir, na que conviven estruturas e futbolistas profesionais con estruturas e futbolistas amateurs) mais a maioría de equipos xa empezan a ofrecer o seu nivel. Cómpre tomar nota de equipos deste nivel. Aprender durante o camiño que, de momento, está sendo gozoso para a afección, que tamén se esforza.
Ficha técnica: AQUÍ.
Clasificación: aquí.
Asistencia: 613 espectadores.
GALERÍA
Fotos: Pablo L. Gil.









