“A verdade é que estaba nerviosísimo, pero os compañeiros axudáronme moito e tranquilizáronme antes do quecemento. Cando comezou o partido e pasaron os minutos, os nervios foron desaparecendo”, confesa Iago Salgado, porteiro xuvenil, que debutou e foi titular co primeiro equipo despois de 33 convocatorias en tres anos (nove co Antela en Primeira, vinte-unha o ano pasado en Preferente).
Salgado, no seu último ano en xuvenís, atesoura unha enorme experiencia en partidos complicados. Foi (con Jorge) a peza chave para o ascenso do xuvenil hai dúas tempadas, a mesma na que (con Lucas Carnero) foi decisivo nos penaltis contra o Coles que meteron ao filial en Primeira Futgal. A campaña pasada, durante a etapa de Iván Gómez no filial en Primeira, disputou a titularidade con Dalama, a quen substituíu por lesión no choque en Melias e despois no once diante do Polígono co equipo inda na pelexa pola permanencia.
Neste tempo foi gañando peso e altura, como lle corresponde por idade, máis tamén criterio. “Para ser o meu primeiro partido estivo ben, non encaixamos e iso sempre é bo, mais creo que nos faltaron algunhas cousas na saída de balón”, conta en La Región. Acostumado xa a pasar dos focos (tres ascensos, coma Jorge -agora no Celanova- e Carnero -no filial-) á sombra, Iago Salgado recuperará esta fin de semana a rutina co xuvenil de Xurxo Santana no que alterna a portería con Aarón Blanco, a última promesa nunha liña de bos gardametas que se mantén nos últimos anos desde a Andrés a Lulo, do mellor dunha canteira vizosa.

