“A Liga é unha maratón, non un esprinte” (sir Alex Ferguson)
O Antela está no grupo de cabeza, e ten argumentos para continuar aí. Entramos no primeiro nó da tempada, o que vai da xornada 9 (primeiro cuarto) á 13 (primeiro terzo), no que se empezan a decidir as posicións e obxectivos plausibéis de todos os equipos. Cinco partidos en novembro: tres na casa.
Novembro arranca mañá pola tarde coa visita ao Pontevedra B, despois virán dous partidos na casa –Silva e Sarriana-, a visita a Arteixo e fin de mes -o día das eleccións- contra o Montañeros na Moreira.
Máis que partido a partido, unha Liga-maratón ten que se negociar por tramos. Esta é a primeira costa… para todos. Poranse a proba as pernas, os pulmóns, mais sobre todo a confianza dos adestradores e dos seus equipos no plan de xogo, a profundidade real dos cadros de xogadores, o capacidade de sacrificio e a intelixencia táctica de cada quen. Novembro é o primeiro mes duro, un nó.
O Antela chega desafogado, cómodo, mais en construción, convencido de que Álex Cid e Negrete alcanzarán a despregar o seu máximo nivel, esperanzado co crecemento de Pucho, Tiago, Cole, Carlos, Mauro, Tumbeiro, Couto, satisfeito polas prestacións de Gastón e Bruno Pío -básicos-; amarrado á serenidade e o exemplo de Charli, que vai tomando o relevo dos últimos grandes capitáns, con Pedro e Xabi listos para o que faga falta.
Non todo son expectativas. Hay certezas, camiño avanzado: 13 puntos, 2 vitorias fóra, catro porterías a cero. Un proceso: refacer o plan despois da lesión de Iñaki Bellido, que ía ser o faro ofensivo; xestionar as baixas puntuais de Gastón e Pío. Eivas identificadas: falta gol (apenas oito, a terceira cifra máis baixa da Liga) e sumar vitorias na casa (apenas unha en catro partidos, o 25%).
O filial do Pontevedra é un rival asequíbel para o Antela no momento actual. Viña de perder tres partidos seguidos pola mínima até que a semana pasada superou o Silva (3-1) despois de encaixar o empate no minuto 80.
O Antela chega cos seus dous homes gol (Carlos e Tumbeiro) enchufados; con Mauro Sabucedo pedindo paso no medio campo; con competencia cada vez máis intensa en todos os postos da defensa; con Bruno Pío, de novo na convocatoria; coa sensación de ter reaccionado tarde diante do Lalín. Hai ánimo de corrixir e compensar á afección con outra alegría fóra antes de dúas novas citas na Moreira.
A canteira
O Antela xuvenil empatou co Porriño (1-1) cun tanto de Aarón Novoa, e con Iago Pérez Salgado outra vez na portería. Os de Xurxo Santana recuperaron sensacións diante do líder, e suman 14 puntos en 7 partidos, mantendo a cuarta praza -cinco puntos por baixo do Porriño e a cuatro do Pabellón, que ocupan os postos de ascenso e promoción, respectivamente-. A semana próxima visitarán en Nigrán ao Val Miñor C.
En Segunda provincial, o Antela B goleou ao Taboadela (5-0, con tantos de Calleja, Penabad, Carrasco e dous de Mina). Os de Forri seguen líderes e invictos. A próxima semana visitarán ao Vilamarín.

