Antela F. C. 1919

Club de fútbol da Limia

O Antela sofre, resiste e gaña

O Somozas foi un mecano na primeira parte, indescifrábel para o Antela que cedeu o balón e metros e sostívose polo perfecto labor da defensa. E foi un martelo na segunda, que se topou con dous centrais reconcentrados (Gastón e Boán) e un porteiro, o luso Bruno Pío, que luciu as súas mellores virtudes en tres intervencións contra o final do choque.

A vitoria, a primeira do Antela como local en Terceira, quedará rexistrada co nome de Tiago Teixeira, que anotou de penalti cando os locais peor o pasaban (minuto 13). O penalti chegou despois dun man a man que Bruno Pío gañou ao dianteiro visitante. Tumbeiro cazou un balón dentro da área e, cando se dispuña a rematar, recibiu unha cambadela. Tiago executou a pena.

O Somozas acusou o golpe e perdeu a confianza coa que entrara ao partido. O Antela navegaba con vento de cola, con Charli ao timón e Negrete ameazante. Co paso dos minutos, os visitantes volveron impoñer o seu ritmo e dominaron completamente ao Antela, con Mauro, Peruzzo e Raposeiras pechando ocos e Charli e Negrete esforzándose en defensa. Resistiron os limianos.

Á volta do descanso, o Somozas introduciu un organizador máis (Núñez) para levar o xogo desde atrás e liberar un medio campo moi incisivo con Bellas, Iñaki e Guerrero, que puxeron o campamento diante da área local e non deron tregua na ofensiva. O Antela sufriu. Bruno Gómez respondeu antes do cuarto de hora e puxo a Couto no campo para marcar a Núñez.

Tumbeiro e Carlos, o seu substituto, dispuxeron de senllos man a man que salvou a defensa visitante. Pedro e Pucho, tamén homes de refresco, percutiron con determinación. O Somozas acometeu unha última ofensiva, agora con balóns aéreos. Nun deles, o remate baixou picado cara o pau dereito de Bruno Pío. Tocaba case a liña de gol cando apareceu a luva do portugués. O balón chegou a un xogador visitante, mais o meta xa estaba levantado cando este rematou de novo a gol, foron apenas tres segundos, dúas paradas que coroan unha tempada máis a Bruno, outra portería a cero e máis puntos para a caixa. Estes partidos só se gañan na Moreira, que se estreou en Terceira coma un campo grande, cun equipo entregado e unha afección leal.

Iñaki Bellido -o futbolista que máis impacto causou no Antela en menos partidos- pode estar tranquilo, os lobos defenderán A Moreira até que volva para os liderar. Ánimo rapaz!

Ficha técnica: aquí

SUPERSÁBADO

O supersábado de fútbol comezou e rematou no Fernández Carrera. No partido das catro, o Antela B superou ao Rocas (2-0) con goles de Mina (minuto 1) e Calleja (minuto 90). Os locais foron mellores, mais o partido estivo no ar durante moitos minutos da segunda parte. Máis alá dos goles, Mina foi o mellor dos locais até que foi substituído e Calleja liderou o tramo final do partido. O filial é líder provisional da Segunda provincial á espera do que fagan mañá o Moreiras e o Rúa.

Xa noite, os xuvenís cederon un empate despois de se adiantar con goles de Gándara e Varo. O Matamá acortou a vantaxe local de penalti antes do descanso e conseguiu, tamén de penalti, o empate mediada a segunda parte: 2-2.

Clasificacións: SEGUNDA PROVINCIAL (aquí), PREFERENTE XUVENIL (aquí).

Comparte