Antela F. C. 1919

Club de fútbol da Limia

Cambio de repertorio na visita hoxe a Portonovo

A última vez que o Antela e o Portonovo se enfrontaron no campo de Baltar ambos ían camiño dos play-off de ascenso a Terceira con distintas expectativas. Acabaron ascendendo os dous: o Antela, un novato, e os pontevedreses, quince anos despois da súa última experiencia na categoría.

Agora o Portonovo vai á caza do Antela (está un punto por abaixo) tras un bo arranque de Liga e coa vitoria a semana pasada contra o Pontevedra B (0-1, con gol no desconto). Chegan os locais plenos de confianza e con algo menos os visitantes despois do sufrido empate contra o Barco na Moreira.

Bruno Gómez, adestrador dos limianos, declarou a La Región que o Antela precisa volver xogar “como bloque”, admitindo que o equipo estivo por baixo do esperado, menos agresivo arriba e cometendo erros graves na defensa. A baixa de Gastón na retagarda e a falta dun fío entre o mediocampo e a dianteira condicionaron o rendemento.

Os problemas físicos de Gastón poderían deixalo fóra, ao que se suman as molestias de Bruno Pío e a baixa de Carlos González -home clave nas rotacións arriba-. Bruno Gómez terá que ampliar o repertorio, mais Sabucedo, Lamas e Pedro Castro parecen unha segunda unidade bastante sólida e moi comprometida.

O partido comeza ás 17.00 horas, e no equipo local estaba a destacar Vicente Schneider, dianteiro brasileiro que tivo un breve paso pola Moreira hai dous veráns e que ten pasado polo Vilalbés, o Barco e o Viveiro. Anotou dous goles en catro partidos antes de caer lesionado contra o Silva. Sen o brasileño recuperou protagonismo Batkov -nove goles a pasada campaña en Preferente-. O Portonovo sostense sobre os ombreiros dos irmáns Barbeito e dous defensas chegados esta tempada desde o Gran Peña: Cantero e Lago.

O Antela, coas dúbidas de Gastón e Bruno Pío -ambos capitais no excelente inicio de campionato-, precisa un novo referente, e todas as esperanzas seguen postas en Negrete.

Foto: Sandra/CD Barco.

A canteira

En partido xogado onte baixo a chuvia no Fernández Carrera, o xuvenil de Xurxo Santana caeu goleado polo Pabellón de Ourense (2-6). Os limianos visitarán a próxima semana ao Santa Mariña en Vigo para recibir a seguinte ao líder, O Porriño.

Pola tarde, o Antela B superou na Moreira ao Cortegada (3-0), con Iván Gómez –o técnico do ascenso dos limianos hai dous anos– no banquiño visitante. Os goles chegaron todos na segunda metade, marcaron Mira, Penabad e David Lamas. Os de Juan Forri, invictos (e con so un gol en contra en sete partidos), chegarán como líderes ao partido contra o Moreiras, outro dos candidatos ao ascenso.

Comparte