Un Antela pleno de confianza visita esta tarde (19.00 horas) o campo de Espiñedo para se medir a un Arenteiro que aínda trata de repoñerse do golpe dun dobre descenso -deportivo, primeiro; administrativo, despois- desde Primeira a Terceira REF. Mentres os locais suman efecivos a un cadro de xogadores que se fixo ás présas, o Antela chora por Iñaki Bellido (adeus á tempada) e espera que Álex Cid e Musa Dambelleh collan rápido o ton.
Bruno Gómez podería repetir o once por primeira vez na tempada. Así, Tiago e Cole manteríanse nos laterais; Peruzzo e Raposeiras, no eixo do mediocampo, co Mauro Sabucedo máis adiantado; e Negrete e mais Charli nas bandas co Tumbeiro na punta. Esta semana é baixa Pedro Castro.
Hai doce anos
Á última vez que o Antela visitou Espiñedo en Liga foi na tempada 2013-14. Na primeira volta, a comezos de decembro, os carballiñeses gañaran na Moreira (1-4). O primeiro domingo de maio do 2014 o Arenteiro superou ao Antela (1-0, gol de Álex Bardelás) con dúas xornadas por diante para o remate da competición. O Antela acabou salvado a categoría con vitorias fronte o Ponte Ourense e o Boado; e o Arenteiro, que rematou terceiro, ascendería por decisión da FGF tras a desaparición do C.D. Ourense.
Na actual tempada, o Antela gañou en Viveiro na estrea en Terceira (0-1) e hai quince días empatou en Vigo con Gran Peña (0-0). O Arenteiro xogou dous partidos en Espiñedo: perdeu co Barco (0-1) e venceu ao Lalín (1-0). A Liga estase a xogar nunhas marxes moi estreitas: un gol adoita a dar puntos.

